O Foro da Mocidade de Vigo nace da vontade dun grupo de mozas e mozos de artellaren unha plataforma asemblearia que sirva como punto de encontro para a xente nova da comarca. Unha plataforma aberta á participación de todas e todos os que queiran arrimar o ombreiro, as ideas e as iniciativas nunha laboura conxunta de debate e posta en práctica inmediata de accións na rúa, nos locais sociais e, en xeral, en todos os eidos da nosa sociedade. Unha sociedade, a galega, que cremos preciso mudar radicalmente, e querémolo facer dende unha focaxe xuvenil, de defensa dos dereitos nacionais de Galiza e da esquerda revolucionaria.
A participación no Foro ha ser sempre a título individual e totalmente compatible coa militancia en calquera outra organización da mocidade. O noso obxectivo é o de xuntar esforzos para actuar alí onde as organizacións non chegan ou onde unha confluencia de de obxectivos e intereses comúns e partillados pola mocidade galega e revolucionaria da comarca . Queremos crear un espazo aberto en que se posibiliten sinerxías positivas e dinámicas de traballo conxunto e, sobre todo, darlle voz e espazo a todas aquelas persoas que, por un ou outro motivo e malia a estaren concienciadas cos problemas do país e da mocidade, están sen organizar a día de hoxe.
Os nosos eidos de actuación han ser a denuncia da situación laboral da xente nova; a vivenda; o feminismo de clase e revolucionario; a loita polos dereitos nacionais; a promoción e revitalización da nosa cultura e do noso deporte; a defensa e expansión da nosa lingua; a promoción dun lecer diferente pensado por nós e á nosa medida e baseado nas relacións socio-afectivas libres entre as persoas en espazos e actividades non mercantilizados etc. Nunha palabra, que sexa a mocidade e que constrúa, dende a base, unha sociedade diferente a partir da denuncia da precariedade xeneralizada á que nos somete o estado capitalista español.
Xa que logo, facemos un chamamento a ti, moza, e a ti, mozo, a que participes deste proxecto que sen vós non ten sentido. Contacta connosco a través do enderezo electrónico forodamocidadevigo@hotmail.com e de seguida contactaremos contigo para nos pornos axiña mans á obra. Porque unha sociedade galega diferente non só é posible, é urxente!